Presentacións veñen e van: de Lugo á Coruña

23:11 Vanesa Santiago 0 Comentarios

Aínda non os repuxemos da fría e húmida xornada de presentación na Feira do Libro de Lugo, e xa anunciamos unha nova, desta volta na biblioteca municipal Sagrada Familia da Coruña.
Pouco teño que engadir ao que xa dixo algún dos meus compañeiros de mesa sobre o aspecto climatolóxico da cita luguesa, que tivo lugar pouco despois do mediodía do sábado 18 de maio, mais si quero deixar constancia da ledicia que unha sinte ao voltar ao lugar que unha vez sentín a miña casa. Ademais, Lugo está relacionado coa novela, polo menos animicamente, moito máis que outros lugares: durante a miña vida como luguesa comecei a trenzar os cabos soltos de Ninguén lembra, e imaxinei algunha que outra cidade amurallada mentres cada mañá cruzaba de porta a porta o centro de Lugo camiño do traballo. Algo ten Lugo que sempre me fai regresar, e así será tamén nesta ocasión, mais xa vos contarei iso máis polo miúdo cando se achegue o momento.
Mais o que ven agora é en poucos días: o martes 28 de maio, concretamente, estarei ás sete da tarde na Biblioteca Municipal Sagrada Familia da Coruña para falar de Ninguén lembra con aqueles que vos acheguedes. E será tamén unha cita especial, porque pasei longas horas de traballo baixo ese teito, preguntándome o xeito de que os usuarios e usuarias que atendía atopasen ese libro que os faría rir, emocionarse, ou rifar con el (eu teño rifado con moitos libros...). Non é estraño pensar que quizáis iso lle poida suceder a alguén coa historia que ti imaxinaches?

Fonte: Blog "El club de los 7 miedos"
(Bibliotecas Municipais de A Coruña)

0 comentarios: