De volta ao instituto
O luns presentamos Ninguén lembra na biblioteca do IES Isaac Díaz Pardo, de Sada, aos alumnos de 4º
da ESO. Durante a conversa, aproveitei para indagar sobre diversas cuestións e
poñerme ao día sobre os gustos dos estudantes. Así, descubrín que á maioría lle
encantaría vivir unha aventura cos seus amigos, como lle ocorre a Daia. Claro
que, se lestes o libro, para que fose exactamente como a Daia, a esa aventura
lle faltaría o engadido da fantasía: que tal se imaxinamos que tamén os rapaces e rapazas de 4º da ESO gardan neles os dons dos antigos? Unha vez imaxinado, de ter os dons dos que
gozan os máeres, no instituto abondarían patófilos e kinesófilos, aqueles que
xogan coa mente e co espazo, pero tampouco faltarían cronófilos, morfófilos ou
biófilos, como a propia Daia. A aventura transcorrería a partes iguais no mundo real, como o inmenso Canadá, e en paraxes
fantásticas, que de cando en vez non está de máis fuxir da rutina. Por iso,
tampouco lles importaría visitar outros tempos, aínda que maioritariamente esas
viaxes serían cara ao pasado, perigoso pero coñecido, que cara a un futuro que
hoxe por hoxe nos pintan tan negro...
Se ata parece que lesen Ninguén lembra...
No noso lado da mesa (meu e de David, o editor que me acompañou), as dúas horas que pasamos
presentando o libro por duplicado (a primeira hora con dúas clases e a segunda coa que faltaba) fixéronse curtas, e agardo que da outra banda tivesen a mesma impresión. E, como colofón, constatar que entre os oíntes había
algunha que outra persoa amante da lectura e mesmo da escritura, o que non ten prezo.
Por fin, déixovos con tres recomendacións fantásticas que nos fixeron durante a
xornada:
- Niyura. La corona de los elfos: unha historia co sabor dos clásicos que relata como a coroa dos elfos dos pantanos acaba nas mans dun rei humano; un rei sedento de poder ao que só Nill, medio humana e medio elfa, poderá deter. A autora chámase Jenny-Mai Nuyen (1988), unha escritora de pai vietnamita e nai alemá que publicou o libro cando tiña 19 anos.
- Saga Cazadores de sombras: é unha colección escrita pola estadounidense Cassandra Clare (1973) que engloba diversas series de libros ambientadas nun universo repleto de seres sobrenaturais superposto ao noso e, habitualmente, invisible aos ollos da xente normal. Dende que en Cidade de óso (libro que da comezo á saga) Clary presencia como un grupo de estraños rapaces cubertos de tatuaxes acaban coa vida dun atractivo mozo de pelo azul, o mundo da rapaza non volverá a ser o mesmo, porque descubrirá que ao noso carón habitan anxos, demos, vampiros, fadas e todo tipo de criaturas extraordinarias.
- E, finalmente, tamén nos recomendaron unha película, Chronicle, que relata como tres rapaces, logo de quedar expostos a unha substancia descoñecida, desenrolan incribles poderes que acabarán por traerlles máis problemas que vantaxes. Aquí vos deixamos o tráiler.
0 comentarios:
Publicar un comentario