Homes grises, vencereivos!

14:28 Vanesa Santiago 0 Comentarios

Nunca na miña vida me ocorrera tal cousa: non sei como xestionar o meu tempo. Quero cultivar un milleiro de ideas e participar nun cento de actividades, e atópome con que non podo. Os homes grises levaron con eles o meu lecer, e o persoal e o laboral conflúen nun istmo de baleiro creativo onde rescato a escrita coma quen mergulla ata o fondo das rías sen osíxeno: con dificultade. O mesmo que baixo do mar conta cada segundo, para min conta cada letra que vou esculpindo e modelando, que a tal ritmo cheguei. E, malia todo, arranxei para, neste tempo, escribir unha traxedia e unha road-novel -novela curta de viaxe por estrada- fantástica (e neste intre inéditas), recuperar e dar forma a textos que gardaba no fondo do faiado, e procurar saída a un par de paranoias de ciencia-ficción que estarán en vindeiros meses a pública disposición. Tic-tac, xa me tardan! Ademais, vai para medio ano que, para o meu abraio, comparto espazo no papel xunto a xente da mestría literaria como son Andrea Barreira, Antón Riveiro Coello, Anxos Sumai, Helena Villar Janeiro, Inma López Silva, Marilar Aleixandre, Rosalía Fernández Rial, e Xabier López López, congregada baixo o chamado do editor Francisco Castro para escribir sobre a nosa paixón, parindo un impresionante volume titulado O LIBRO DOS LIBROS. Esa paixón da que falo, acho que queda perfectamente definida no título... Libros! Librarías! Bibliotecas! Páxinas perladas de letras!  Amantes da lectura e dos seus misterios...




0 comentarios: