A Betanzos, nun soño
Para Pilar e Olalla, ilustres betanceiras
Vibra da candea a chama
nos empedrados chanzos
que ascenden aos Remedios
cal vivo e fatuo fogo
rebordando lixeiro
na fronteira dos soños,
e un abrupto silencio que cabalga
de teito a teito
acouga no meu peito
enfeitizado.
Como casa de irmán, casa serena!,
é para min Betanzos cabaleiro
onde o tempo pasa coma a corrente
florida e espellada do Mandeo
en agosto.
E unha rosca de festa leva marcas de dentes
mentres o vento ven remexerme o pelo
sobre o rostro.
Saúdo ao Mendo deixando
un rueiro de lembranzas.
Nas súas beiras corrica
unha nena calzada
cos zapatiños brancos.
Cara ela van grallando
dous parrulos ceibados
por min, que son fantasma,
e a nena que fun bica
eses bicos manchados.
E en tanto, extingue a chama.
E esperto ilimitada
ao comezo dun mar
que as xunqueiras de sal
acaricia, e eu mesma,
por estrada ata Sada,
latexo cal marea
que ese sal ven deitar.
0 comentarios:
Publicar un comentario