Encontro de nova fantasía galega

21:30 Vanesa Santiago 0 Comentarios

Onte estiven en Compostela observando por vez primeira unha presentación dun libro dende o outro lado da mesa. Síntese unha sensación de certa estrañeza mesturada cun rumor de irrealidade, que rachan o eco das voces da xente: as voces mornas do público que murmuran coma un río, a voz dos editores abrindo o evento, a voz dos teus outros compañeiros falando das súas propias historias... Esas que, como a túa, botaron a voar, a perderse lonxe das túas mans como globos de helio no ar. De súpeto, alguén che pide que tires da corda, que lembres o proceso no que comezaches a inchar aquel papel de letras que pouco a pouco, sen que ti te decataras moito, ían cobrando vida propia e independente.
Sinto que espertaron onte en min lembranzas dos anos que pasei a imaxinar as aventuras de Daia e compaña, e sinto (no seu outro significado) que onte andaban adormecidas aínda as súas memorias, en proxecto de espreguizarse. Porque hoxe corren xa coma un tronar de galopantes nubes de treboada no meu interior.
Estas liñas que acaban de desdobrarse en tantas ideas eran sinxelamente para darvos as grazas a todos e todas os que estivestes onte connosco enchendo os minutos de fantasía e outras derivas temáticas e a todos e todas os que quixestes estar mais non puidestes vir. Lémbrovos que o venres temos outra oportunidade para falar do que se nos ocorra, de soños, de aventuras, de fantasía, dos dons dos antigos. Que sei eu. Mentres, tede coidado co que soñades. De cando en vez...
Déixovos ir cun collage de imaxes do encontro de onte con Tomás González, Fernando Cimadevila, Rodrigo Vizcaíno, Ariza Piñeiro e Xosé Duncan. Un pracer compartir mesa con todos eles!


0 comentarios:

Semana de presentacións

14:24 Vanesa Santiago 0 Comentarios

Con pracer anúnciovos que esta semana teremos presentación de Ninguén lembra por duplicado.
A primeira cita é mañá mesmo, domingo 28 de abril, na Feira do Libro de Santiago, dentro do encontro de "Nova Fantasía Galega" que reunirá a autor@s de Urco e Contos Estraños nunha mesma mesa desde as 19:30 horas, o que promete ser extremadamente interesante.
A segunda cita correspóndese coa presentación oficial do libro, que terá lugar na terra desta autora que se está a dirixir a vós, e será o venres 3 de maio, ás 20 horas, concretamente na Capela de San Roque de Sada.
Anotade ben as datas! Verémonos xalundes?


0 comentarios:

Ilustrando o blog

13:45 Vanesa Santiago 0 Comentarios

Hoxe o blog estrea cabeceira! A autora da mesma é Natalia Mallo, e empregou a técnica da acuarela para pórlle un chisco de cor ao noso sitio. Ademáis, se tedes curiosidade por saber quen é o autor da imaxe de fondo, direivos que ven sendo da preciosa galería fotográfica de Dani Vázquez. 
Natalia tamén imaxinou a portada para a páxina de Facebook do libro, que estrearemos hoxe tamén e que, agardo, vos traslade como a min a paisaxes que non moita xente lembra.

A portada da páxina en Facebook de Ninguén lembra


0 comentarios: