Encontro de nova fantasía galega

21:30 Vanesa Santiago 0 Comentarios

Onte estiven en Compostela observando por vez primeira unha presentación dun libro dende o outro lado da mesa. Síntese unha sensación de certa estrañeza mesturada cun rumor de irrealidade, que rachan o eco das voces da xente: as voces mornas do público que murmuran coma un río, a voz dos editores abrindo o evento, a voz dos teus outros compañeiros falando das súas propias historias... Esas que, como a túa, botaron a voar, a perderse lonxe das túas mans como globos de helio no ar. De súpeto, alguén che pide que tires da corda, que lembres o proceso no que comezaches a inchar aquel papel de letras que pouco a pouco, sen que ti te decataras moito, ían cobrando vida propia e independente.
Sinto que espertaron onte en min lembranzas dos anos que pasei a imaxinar as aventuras de Daia e compaña, e sinto (no seu outro significado) que onte andaban adormecidas aínda as súas memorias, en proxecto de espreguizarse. Porque hoxe corren xa coma un tronar de galopantes nubes de treboada no meu interior.
Estas liñas que acaban de desdobrarse en tantas ideas eran sinxelamente para darvos as grazas a todos e todas os que estivestes onte connosco enchendo os minutos de fantasía e outras derivas temáticas e a todos e todas os que quixestes estar mais non puidestes vir. Lémbrovos que o venres temos outra oportunidade para falar do que se nos ocorra, de soños, de aventuras, de fantasía, dos dons dos antigos. Que sei eu. Mentres, tede coidado co que soñades. De cando en vez...
Déixovos ir cun collage de imaxes do encontro de onte con Tomás González, Fernando Cimadevila, Rodrigo Vizcaíno, Ariza Piñeiro e Xosé Duncan. Un pracer compartir mesa con todos eles!


0 comentarios: