Crónica fotográfica da presentación en Sada

17:36 Vanesa Santiago 0 Comentarios


O 3 de maio presentouse Ninguén lembra na capela de San Roque de Sada. Recollo a continuación unha serie de imaxes que dan testemuña do momento acompañadas da miña impresión.

1. Acabo de sentar. Mentres sentan o resto d@s asistentes fico un intre ensimesmada (ou enminmesmada?). O libro, sobre a mesa, rouba as primeiras miradas.

2. David e Rodrigo, de Urco Editora, falan en primeiro lugar, presentando o proxecto editorial e o libro. A continuación, tócame a min.

3.  A xente abarrota a capela, o que sen dúbida reconforta a quen ten que tomar a palabra. Anda, se son eu!

4. Ninguén lembra é un libro que da para falar moito. Gustaralles o que lles quero contar?

5. Na primeira fila están moi atentos. Aínda máis preto deles, descansan os exemplares que máis tarde marcharán para distintos lugares. Quen sabe onde estarán hoxe?

6. Aínda que eu non son quen de prestar atención a ninguén en concreto, o ollo da cámara non deixa escapatoria.

7. Moito falei. Falei de outros (de Tolkien, de Lönnrot, de Ende...), falei de mulleres, da lingua...

8. ... pero tamén falei do que Ninguén lembra, de Daia, de Kailey, de Fiona. Tamén de Andrés.

 9. Todo remata, e a miña parola infinda non podía ser menos. Un efémero intre catártico estoupa ao meu arredor.

10. É o momento das preguntas. Intrígame saber que intrigará á xente de todo o que fun fiando.

11. A proba de que non fun a única que falei tédela aquí. Rodrigo e David (neste caso) aportaron ar fresco á conversa.

 12. Outra nova perspectiva do público. Aproximadamente coma o Royalty* nos seus bos tempos (xa vedes que me gusta esaxerar un pouco).

 13. Escoitando con extrema cordialidade e atención. Así da gusto!

14. E xa imos rematando. Este si é o aplauso final.

 15. Algunhas persoas comezan a intercambiar impresións.

16. Erguémonos por fin co resto da concurrencia. Sucédense os saúdos de caras coñecidas e algunha nova! Que ben!

17. Póñome mans ao choio para asinar exemplares. Pobres, o que lles espera! Poñerme un boli nas mans é perigoso...

18. Por fin, vou rematando de gastar tinta, neste caso cunha das miñas lectoras máis novas. A presentación rematou. Só me queda darlles as grazas a todas aquelas persoas que nos acompañaron. Obrigada!

*Para @s foráne@s, o Royalty foi a última sala de cinema que resistiu en Sada ata hai poucos anos.

0 comentarios: