A catarse oceánica

19:51 Vanesa Santiago 0 Comentarios

Comeza coma un burbullar no medio da ría mentres vibra o chan baixo os meus pés. Os bancos de peixiños de porto e os muxes que habitualmente roldan as saídas de augas turbias foxen estarrecidos ao mar de fóra sen que ninguén se decate. É daquela cando baixa bruscamente o nivel da marea, deixando ao descuberto a nosa miseria acuática: as vellas áncoras recubertas de algas e limo, nasas rotas e pneumáticos escachados de quen sabe canto tempo atrás, lixo que non podo nin distinguir, agás o guieiro enferruxado dunha bicicleta; quizais foi meu.

Vin afastarse a masa de auga dende o muro que recolle a parte alta de Fontán, protexendo en tempos as casiñas brancas dos pescadores, amoreadas coma fungos sobre a ría, dos embates do vendaval. O nordeste trae o cheiro á brea daquela inusual baixamar, desacougándome. Aquilo non é normal; seino eu, e sábeo a sirena da lonxa que comeza a enrouquecer arrepiante, avisándonos da ameaza, por riba dun lamento máis profundo que ven de lonxe, un lamento que me envolve a cada alento máis e máis, perigosamente. Sei que debo correr cara o alto, dítao o meu instinto, ao amparo do Fiunchedo e os seus mortos (pode o cemiterio darme a vida?), e máis alá se me deixan as pernas, pero resístome a facelo porque un pesar máis vasto que a miña propia vontade mantén as miñas mans aferradas ás reixas que hai anos cravaron no muro para que os nenos parvos non subiran a el.

E entón véxoa chegar, tras golpear imparable as costas de Ares e as de Miño, unha onda inmensa, titánica, cargada de carraxe e electricidade, movendo tal forza que eleva por riba dela nubes da súa propia auga. Estou certa de que agardala dende o Castelo impresionaría máis, porque a vería esmagallar coma un martelo de deuses a praia de Morazón, paraíso transformado (non quero imaxinalo) nun inferno devastado. Alégrome de non estar naquel alto coma se se tratase dunha última mostra de misericordia da Natureza, e dispóñome a facerlle fronte á súa impoñente creación. Ven cara a min, interpretando aquel canto de serea insoportable e enxordecedor mentres a agardo, cativa da omniabarcante mostra de poder.

Xa está aquí, abaténdose en segundos coma un brazo xigante contra os pesqueiros, contra o Chono Segundo, contra o Gloria Belén, contra o Monzo ou o Villacampa, contra todos os que algún día atracaron no familiar peirao, algúns xa despezados pero sempre descargando o peixe de madrugada no meu maxín, fráxiles estruturas flotantes que impactan brutalmente contra os indefensos rompeondas, contra os espigóns, contra o cemento da explanada na que un día, cando estaba fresco, deixara a pegada do meu pé con degoiros de infinito agora rotos; e alá van os almacéns, as naves e a lonxa, desenraizados do chan con extrema facilidade pola onda, como débiles leitugas atacadas polos lóstregos furibundos das treboadas.

O estrondo é colosal, ruxe todo ao meu arredor; as poucas gaivotas que seguen nos tellados que teño ás costas tras o verán chían sen que eu as escoite, e moitas delas voan suicidas cara o núcleo da catástrofe, como arrastradas por unha resaca magnética. Enténdoas, porque eu quero voar canda elas, deixarme levar ao epicentro daquela apocalipse. Pregúntome, nesa paréntese infinita de segundos, se o caos dará paso a unha nova orixe.

E xusto daquela, e non antes, o vento inquedo que me remexía o pelo detense, así sen máis, aquietado pola chegada daquel monstro acuático, e entón todo se ensombrece e quedo cega, pois a miña vista non ve máis alá daquela viva cortina de morte que rachou o meu horizonte. Logo, nada.

[Ano 2013. Vanesa Santiago]

0 comentarios: