Apuntamentos sobre soños e sombras

23:24 Vanesa Santiago 0 Comentarios

Un ciclón de ocorridos de carga positiva mantívome afastada do blog durante este pasado mes, mais hai certos eventos dos cales quixera deixar (e deixarei) cumprida constancia aquí, entre eles, novas sobre presentacións (crónica sobre a última, que foi en Lugo, e adianto da vindeira, que será o 27 de xullo en Rianxo); porén, hai outro tema que sempre anhelei recoller neste blog e ata agora non tivera ocasión a facelo. Pois ben: a ocasión chegou. Vou falar doutros libros fantásticos. E o primeiro que terei o pracer de comentar será o escrito por Ariza Piñeiro (compañeiro nas feiras do libro que visitei ata agora co meu propio apéndice imaxinativo) e publicado canda este Ninguén lembra meu: Contos de soños e sombras. Con todos vós, un pequeno adianto do mesmo dende a óptica duaslueira. E, coma sempre, non garanto que estea libre de spóiler:

Segundo lemos na páxina da colección Alcaián, de Urco, a editora do volume, estamos ante "relatos breves (algúns moi breves) de terror psicolóxico, ou sexa, contos de medo que fan pensar. Algúns escritos cun toque de humor, outos cun toque de mala uva. Son contos de soños porque cando soñamos non distinguimos o real do imaxinario, e de sombras porque todos temos un lado oculto. Sabes que é iso que levas pegado e camiña á túa beira? Abre o libro e descúbreo."

Teña coidado o lector supersticioso, porque nos atopamos ante un libro no que lendas urbanas, mitos sobrenaturais e ocorridos truculentos teñen moito que dicir. Nestes 13 relatos que compoñen o volume (tiñan que ser 13!) abondan accidentes, crimes... e unhas areiñas (como di miña avoa cando bota a cunca enteira do sal no pote) do dantiano amor, que move o Sol e as demais estrelas.

A miña sentenza, un a un:

Xamais voltarei ao pazo: clásico ao estilo Dez negriños (casa illada e crimes) cun toque de tolemias e pantasmas.
Coutelle: amor (amor?, si, probablemente) rodeado de misterio, e máis alá, quen sabe?
Fría noite de asfalto e néboa: accidente na estrada e un morto. Xa dicía eu que a néboa era fronteiriza.
A rapaza do meu soño: espellos, soños, chaladuras, secuestros... e unha sorpresa final.
Os soños da loucura: soño? vixilia? loucura? onde empezan e onde acaban?
A lenda do pequeno trasno: seres mitolóxicos con sociedades moi humanas.
Naraia: seres mitolóxicos con relacións moi humanas.
Noite de blues: bebida, barra de bar e amores perigosos.
A daga e o pergamiño: historia da idade media que afunde a súa raíz na antigüidade.
Lenda urbana número 90: nunca sentiches curiosidade por coñecer ata onde chega a realidade dunha lenda urbana?
Crime non moi perfecto: cando un delituoso plan perfecto se nos vai das mans...
Prometinche amor eterno: traxedia e amor, sempre magneticamente unidos.
Que o diaño me leve: porque o diaño non sempre é un vello cornudo.

E aquí remato por hoxe, rumiando sobre estes contiños, con cousas que gardo para min, esperando que os leades e as descubrades por vós mesmos. Que a calor vos sexa leve nesta noite de verán (principalmente se estades por Ourense). Vale.

0 comentarios: