Unha augusta presentación

19:40 Vanesa Santiago 0 Comentarios

Xa pasou máis dun mes e aínda non escribín nada sobre a presentación que fixen o 11 de xuño en Lugo, cidade augusta, e concretamente na súa Biblioteca Nodal, mais nunca é tarde para remedialo.

Lugo é unha cidade que roubou un anaco do meu corazón durante o tempo que pasei vivindo nela. Na propia presentación comentei que foi alí onde descubrín que os pequenos poden ser maiores de idade, onde a xente non garda os trastes no faiado senón no rocho, e onde o adarve dunha muralla pode ser un bo substitutivo do meu máis querido paseo marítimo.

Iso dixen e niso pensaba antes de dicilo, mentres me achegaba á Biblioteca Nodal de Lugo, antiga Biblioteca Pública do Estado, da avenida Ramón Ferreiro, aos usuarios da cal lles adiquei moitas horas, semanas e meses. Moito cambiou dende que eu marchei: agora ata hai unha máquina de autoempréstimo! Sendo eu bibliotecaria, sei que existen, mais nunca coincidín en biblioteca ningunha onde a empregaran. Non as vira nin nas películas do Gholibud! É dicir, que tedes que pasarvos pola biblioteca que está xenial equipada e, abofé, marabillosamente atendida.

Logo de facerlles a rosca un pouco ás miñas e aos meus ex-compañeiros, mais sabendo que o digo porque así o sinto e aprezo, non estaría mal que falase do cerne do asunto: a propia presentación.


A presentación tivo lugar no enorme salón de actos, nun ambiente íntimo e cordial, e eu quería falar o tempo de tres folios tras escoitar as palabras de benvida da bibliotecaria Sabela (sniff... case choro) e o preámbulo de David, de Urco Editora, que me acompañou. Mais hai que adaptarse ao círculo que te rodea en cada intre, e entendín que, para a audiencia reducida que estaba presente na sala (Gregorio incluído, non me cabe dúbida), o ideal era rematar axiña a cháchara do meu monólogo para dar paso a un debate aberto, ao que se prestaba de xeito marabilloso o momento. Así que de tres folios dixen para min, mentres lles ía botando un ollo: "isto non, isto tampouco, disto outro pasamos...", e en menos que canta o galo din por finalizado o discurso e principiamos unha conversa, na que falamos de Ninguén lembra, da situación do mundo editorial, do libro en galego... dun feixe de temas do máis interesantes dos que resultou unha presentación digna de memoria. Ou iso creo eu.

E pouco a pouco vou aprendendo que non hai presentación igual á anterior, que todas teñen un sabor e unha prestancia propios, e que por moito que prepares o evento non sabes como rematará. E iso, evidentemente, encántame. Por iso estou desexando coñecer que me agarda este sábado 27 de xullo, ás 13 horas, na Feira do Libro de Rianxo, onde teño un oco reservado para falar de Daia, e de tantas outras personaxes, e quen sabe se da Degon Aerinaira. Nesta ocasión estarei acompañada dun colega nativo da terra que me acolle: Xosé Duncan, autor da triloxía As Crónicas de Bran, da que leva publicada a primeira parte, A revolta dos mestres. Outro día heivos falar delas, porque dan para entrada propia. Mentres, sigo pensando se mercarlles aos chineses unhas bengalas e convidar a quen veñan a cantar a rianxeira como remate da presentación... Non sei se é loucura ou xenialidade...

0 comentarios: