Moción de literatura en Rianxo
Pouco a pouco, imos acadando os nosos obxectivos ocultos, como facernos co dominio do mundo concello a concello a golpe de libro. Aquí nos vedes, onte, 27 de xullo de 2013, presidindo o pleno municipal de Rianxo. No medio tendes a quen isto escribe, e a un lado e outro David, representando a Urco Editora, e o escritor Xosé Duncan (autor de As crónicas de Bran: A revolta dos mestres), que actuou de anfitrión da xornada por atoparse en casa.
Ás nosas costas, senllos retratos de Castelao; e, volvendo a vista á nosa fronte, poderiades ver unhas e uns asistentes que non deixaban escapar cada unha das palabras que diciamos e que finalmente, tras o intre habitual de silencio monacal, se decidiron a preguntar as cousas que lles chamaron a atención. Espero que non agardasen en serio o bocata de mortadela que se ofreceu a quen preguntara...
A novidade nesta ocasión foi a recepción dunha carta da mesmísima Fiona Dalúa, que desculpaba a súa ausencia en tan peculiar moción literaria por andar de vacacións por Tarragona. Incluso as personaxes fantásticas as precisan de cando en vez.
Co que dixen, xa podedes imaxinar que todo tiña que saír tan rodado como saíu e non queda máis que dar as grazas á xente de Rianxo pola súa acollida!
0 comentarios:
Publicar un comentario